sábado, 3 de junio de 2017

AS CEREIXAS DA ENCIÑEIRA



Subir ata o cumio da Enciñeira supón un gran esforzo e un exercicio de concentración. Calquera despiste pode resultar fatal e hai que facelo amodiño e con moito senso. A medida que se ascende a tentación de ollar para o que vai quedando abaixo é grande pero a prudencia dinos que mellor agardar a facer unha paradiña. Todo é subir e máis subir, por eso hai que agardar a ocasión de tomar folgos. Logo, a vista que queda aos nosos pés é espectacular, os meandros do Río SilMontefurado, a maior obra de enxeñería que os romanos fixeron na Galaecia.

Na época do emperador Traxano, no século II,  a riqueza mineira era unha das arelas dos romanos que construíron un  tunel xigante atravesando o monte, orixinariamente tiña 120 m de longo e 52 de ancho, para desviar as augas do río e recoller o ouro no leito seco. Dise que cada ano chegaban a obter unhas 20000 libras, destinadas á capital do Imperio. Ao lado, no lugar de Sesmil estaba acampada a Lexión VI,  parece que diso lle ven o nome ao lugar, polos seis mil soldados que tiña esa unidade de combate romana.

Logo subir e seguir subindo, sempre atentos á dificultade da escalada ata chegar ao punto máis alto onde baixo un ceo moi azul atopámonos arrodeados por un mundo de cereixas, grandes e vermellas, relucentes coma a porcelana e  a tentación fainos sentir o pracer no padal. O  sabor,  exquisito e refrescante, enche os nosos sentidos, por algo os romanos relacionaban esta froita con Venus, a deusa do amor.

De seguro que foron eles os que depositaron as cereixas neste fermoso lugar. Segundo o historiador romano Plinio atoparon esta sabedora froita na colonia grega de “Kerasos”, na costa do Mar Negro, latinizado  “cerasus”, que deu lugar a cereixa.



O señor Gregorio acudeu coa filla a depositar as frores na tumba da súa muller, como cada vez que volta de Quiroga, onde vive na compaña do seu fillo. Sorprendido pola súa antiguidade pregunteille cantos anos podería ter a cerdeira.

- Ai, tenlle moitos! eu sempre a recordo igual e eso que  tamén lle teño bastantes, xa  me quedan pouquiños  para chegar aos cen e recórdoa  igual dende neno.

- Así e todo, dime, aínda non ten tantos anos como a enciñeira xigante que ve ao lado da igrexa,  ten máis de cincocentos, disque xa estaba alí cando fixeron o templo. É a que lle da o nome á parroquia, por eso lle chaman  Parroquia de Enciñeira.









No hay comentarios:

Publicar un comentario